Saturday 18 de May de 2024

15 profesionais realizan outra escavación no Castro da Cidá na busca do lugar onde os moradores facían a súa vida doméstica


Un equipo formado por 15 profesionais da arqueoloxía (5 deles de Riveira) están a realizar unha nova escavación no Castro da Cidá, esta vez na parte superior leste do xacemento na busca de posibles estruturas habitacionais que revelen o lugar onde os moradores do castro levaban a cabo a súa vida doméstica.

Trátase dun espazo de morfoloxía rectangular de 308 metros cadrados que se sitúa no que se coñece como “croa” ou plataforma superior, e que dista varios metros do lugar en que se realizou a primeira escavación o ano pasado ao abeiro do proxecto Riveira Atlántica.

Neste senso, e segundo explica Miguel Ángel Vidal, arqueólogo responsable do proxecto, naquela primeira intervención desenterráronse 15 cabanas e múltiples pezas indicativas de que estabamos ante un barrio de carácter artesanal e metalúrxico. Agora, o equipo arqueolóxico busca a zona onde os moradores do castro facían o seu día a día.

Tamén se quere comprobar ata que punto as actividades de cantería levadas a cabo neste e noutros puntos do xacemento a mediados do século XX puideran ter influído no estado de conservación das estruturas presumiblemente enterradas.

O desenvolvemento deste proxecto está cofinanciado con fondos Feader, MARM e Agader tras ser seleccionado pola asociación Deloa para formar parte do programa Leader Galicia 2007-2013. A actuación en marcha ten un prazo de tres meses: dous de execución da obra e un de consolidación das estruturas desenterradas.

Co fin de achegar a actividade arqueolóxica á sociedade, hai persoal encargado de atender as inquietudes dos visitantes durante o horario de traballo.